Buscar este blog

lunes, 6 de agosto de 2018

Despedida da Avoa Sara

Despedida da Avoa Sara


O día 4 de agosto do 2018, finou a miña avoa á idade de 93 anos, despois de que a enfermidade e o tempo, fosen destruindo lentamente a súa memoria facéndolle esquecer pouco a pouco quen era.

Aínda que eu a chamaba "madriña" -porque foi ela quen me levou a bautizar como era costume naqueles tempos- tiña outros nomes para os que a coñecían dependendo de onde foran. Así, en Soñeiro a súa terra natal, coñecíana pola Xastra, e en Cambre, o pobo onde pasou a súa vida, por Sara.

O seu nome completo era Rosario Saavedra Fariña e foi unha muller que durante toda a súa vida tivo que traballar do que puido para poder sobrevivir, non pudendo ir á escola porque non había para todos na súa casa. Coidaba as vacas, traballaba no campo e durante moitos anos traballou facendo portas en Makuka, S.A., na parroquia de Cela en Cambre, onde con esforzo e traballo, conseguiu facer a súa propia casa.

Era coñecida polo seu carácter forte e xusto, aínda que brando por dentro. Ás veces podía ter pouco tacto dada a súa forza, pero sempre desde un fondo nobre e cheo de bondade.

Unha vez que quedou viuda do amor da súa vida, Xosé Longueira Taboada -"o moreno" como ela lle chamaba- pasou os seus últimos anos aproveitando a vida que lle quedaba de mil maneiras: viaxando, lendo libros, indo á escola, cantando no coro, facendo excursións e por último escribindo os seus poemas que lle transcribín a este blog e que mais tarde converteuse nun libro. En definitiva, vivindo a vida como quixo dentro das súas posibilidades e con unha ansía que foi un exemplo para moitos.

A maneira de lembranza á súa persoa, deixo estas palabras de homenaxe xunto con unha vella foto dela e do seu home, que pertence a un tempo lonxano e que só existe na memoria daqueles que o viviron e que os levarán sempre no seu corazón.

Descansa en paz.
O teu neto,
Santi.


P.D.: "¿Qué consello lle daría á xente?"
        "Ter un espíritu xoven. ¡Non querer ser vello!"

martes, 5 de febrero de 2008

Entroido 2008

Sentín chamar á porta
e levei un susto do carallo,
pois cando a fun a abrir
alí de pé, estaba o Entroido.

E dixenlle eu:
-¿E ti como ves tan cedo?
¿Non estabas ben no inferno?
¡E por riba ves mollado!

-Traio fame e frio.
Acabouse o calor no inferno,
e aquí ca suba das pensions
podedes estar quentiños.

-Pois ves mal informado.
Subíronnos por un lado
e quitáronnos polo outro.
Subiron todas as cousas
e por se fora pouco
quítannos a tarifa nocturna.

¿E como imos quentar
a casa e as pernas,
se xa non temos
leña para a lareira?

Xa non quedan rios
para lavar a roupa,
e ca suba que nos diron
non chega para pagar
a nova tarifa eléctrica.

E así andamos por aquí,
pero ti ves para-te divertir.
Terás toda a trouleada
que a ti che de a gana.

Terás laconada, filloas, orellas
e viño todo o que queiras,
para que vexas que en Galicia
ainda non hai miseria,
gracias ós que traballan a terra
e ós que teñen as vacas leiteiras.

Podes ir dar unha volta
pola Coruña, alá pola Torre
que agora din que vai ser
Patrimonio da Humanidade.

Xa ves o que hai,
os outros concellos
están como o ano pasado.
O AVE ainda non chegou,
os pisos están moi caros
e os novos están hipotecados
porque escasea o traballo.

Agora xa podes marchar
que xa teño a lingua
cansa de tanto falar.

Xa non levas fame nin frio
que o viño galego
quenta o corpiño.

E se non te queiman
para o ano espérote
e das outra voltiña.

sábado, 12 de enero de 2008

Noticias: A avoa Sara na TVE1 para Galicia

A avoa Sara foi entrevistada recentemente para o noticieiro da TVE1 na súa conexión territorial para Galicia.
Eiquí vos deixo o video coa entrevista:

Agradecementos á TVE1, e en particular, a Matilde Vázquez e mailo seu equipo pola reportaxe, e por suposto, tamén a J.M. Porto Mato pola sua colaboración desinteresada neste blog.

jueves, 20 de diciembre de 2007

Entroido 2004

Chámanme Entroido
non sei se é por festeiro
comedor ou larpeiro,
pero eso a min
non me parece mal
porque estamos no Carnaval.

Pero a quen lle vai parecer mal
hache de ser o alcalde
cando me poña a falar mal
e xa vou empezar.

No noso concello as grandes constructoras
poñen os pisos enriba das aceras
e un particular ten que retirar tres metros delas.

Pero non se hai que estranar
que o quen ten prata,
fode e mata.

Aquí en Cambre o mellor é para os novos
e ós vellos, nin puto caso.
Cando imos á escola,
péchannos os portais
e ó alcalde non lle importa
que non poidamos sair da escola,
pero él tamén vai para vello
e xa se pode ir poñendo a mollo.

Eu como che son festeiro
ándolle pedindo que nos faga
un sitio onde poidamos ir bailar
sequera un día á semana,
pero de eso non quere saber nada.

Ten que aforrar os cartos
para facer as bodas de prata do seu mandato,
e as cousas que están sen acabar
o que veña detrás, xa as facerá
e se non hai cartos,
que vaia roubar.

As rúas seguen sen aceras,
as cunetas sen limpar
e o alcantarillado dis que é
para as obras novas
e os das vellas que se fodan.

Hai quen di que no centro de Cambre
non se pode respirar,
que teñen que ir para o monte
para o seu aire renovar
porque Cambre estase volvendo
o pobo do cemento.

Queda moito que decir
pero a miña man
cansouse de escribir.

Xa sei que me van queimar
pero para o ano ei de voltar,
para o meu santo festexar
e tamén para criticar.

Entroido 2001

Xa pasou un ano
e coma sempre
volto o día do meu santo.

Eu fixen un pacto co demo
e ainda que me tiredes ó río
ou me queimedes, eu non morro.
Veño para pasalo ben,
con alegría e humor
e con ganas de comer.

O porco gústame todo
dende o fociño ata o rabo
ás filloas e os buñuelos.
As orellas que non falten
e unhas cuncas de viño
para que me quenza o corpiño.

Carne de vaca non quero,
din que están tolas
e os veterinarios
non dan co remedio.

E penso eu, as vacas
están ben mantidas
ata lles dan carne
como ás persoas,
pero fáltalles algo
e non o dan atopado.

Eu voulles axudar un pouco
se ós homes lles faltaran as mulleres
tamén eles estarían todos tolos,
pois ás vacas fáltanlles os toros
porque a man do veterinario
non lles da gosto.

O toro naceu para estar coas vacas,
pero non coas vacas de plástico
senon coas vacas de carne e oso.

Agora vou falar da capa de ozono
que por culpa dos inventos
abrense buratos no ozono.
Non sei que haberá detrás deses buratos
que mexar, mexan dabondo,
a pouco mais afogamos todos.

E eso non é o peor,
o peor sonche os seísmos e tronos
a sarabia, neve e ventos fortes.
Non sei como estarán detrás dese burato
pero vos pasádelo mal aquí abaixo.

Tedes que facer o que fago eu
entón aquí no inferno
non teño frío nin medo.
Como, cando teño fame,
e dúrmoche cando quero,
non me fan mal os inventos
nin as vacas tolas
nin o burato de ozono,
e dentro dun ano
estarei aquí de novo
para encherme de carne e viño.

Como xa sabedes
eu morrer, non morro
porque son o Entroido,
e non choredes por min
que para o ano volto.

Entroido 1999 - Xa chegou o Entroido

Xa estamos aquí de novo
para contar algunhas cousas
que pasaron neste ano.

As mulleres da terceira idade
estanche moi cabreadas
tantas cousas queren facer
e a casa non da para nada.

Unhas queren xogar,
outras traballar
e outras cantar,
e non hai maneira
de que se poidan amañar.

E entón o señor alcalde
fixo de avogado e dixo:
"A casa ten que chegar para todos,
cando unhas estén traballando
as outras poden estar mirando
e cando estén cantando,
poden estar alí escoitando
e o resto da semán
poden estar xogando,
e dentro de catro anos
xa me poden ir votando".

Ás da escola
xa fora nos botaron
e imos a unha aula
que outros nos deixaron.

Pero o peor foi que o presidente
púxose doente co disgusto
e por pouco houbo de morrer
pois quince días botou sen comer.

E o doutor ó estranxeiro
o mandou a se repoñer
e hasta algo novo aprendeu,
pois o tango veu bailando
e trae novas forzas
para coller de novo o mando.

No noso concello tamén pasan cousas raras
amañan as rúas e logo volven a rompelas,
debe ser que os enxeñeiros fan mal os planos
e tiñan que poñer primeiro o alcantarillado.

Os da Barcala non teñen falta de nada,
teñen auga dulce e auga salada
e vanlles poñer piscina climatizada,
e mentras os de aquí arriba
témonos que bañar nunha tina chea de auga.

A parroquia de Cela
estache moi contenta
por eses doce millóns que puxeron
para o dragado da igrexa.

Pero disque eran para a rúa
para agora rompela
e para a igrexa
nin unha perra.

E a parroquia segue hipotecada.
A ver se Deus nos manda maná do Ceo
e que sexa de euros,
para tapar os buratos
que están ó descuberto,
e de paso ímolos coñecendo.

Imos pasar ós inventos
e mais ós inventores.
Inventaron a píldora
para que ás mulleres
non lles medrase a barriga.

Mira que che son astutos,
agora inventaron a viagra
para eles morrer a gusto.

Despois de tomala
á media hora
encéndeselles a vela,
e se non teñen a muller na casa
teñen que sair á rúa a apagala.
Por eso haiche que andar con moita vista
por se encontras a algún que a leve encendida.

Nunha casa fixeron unha sardiñada
e no mellor da festa chegoulles a policia.
E os da casa lles dixeron:
"¿A vos quen vos dou vela nesta festa?"
E mirade o que lles contestaron:
"E que nos chamou unha muller
que estaba co home na cama
e con tanto barullo
non podía facer nada
e tivo que quedar coa gana".

Por ahí andan falando
que van levar o concello á Barcala
e que no sitio unha discoteca nos van poñer.
Vergonza lles debía dar,
quérennos poñer a bailar
e mentras eles, veña a mangar.

Os políticos de Cambre
mira que che teñen labia,
queren entrar no poder
para de gorra poder comer.

E nos mentras a traballar para eles.
Falar, falan ben, pero despois
non che moven nin un pé.
E polo soldo que teñen,
o cú, a cachola e os pés
tiñan que mover.
A culpa non é deles
e nosa, por votar por eles.

E para este ano
non hai mais novas
porque as miñas reporteiras
como non lles pagan o xornal,
de balde non quixeron traballar.

E se a algún lle pareceu mal
vaise ter que aguantar,
que estas novas sonche entroidadas
pero tamén son verdades ben gordas,
e aquí non pasou nada
e que siga a carallada.

miércoles, 19 de diciembre de 2007

Entroido 1998 - Terceira idade de Cambre

A nosa sociedade
da terceira idade
e coma un barco á deriva,
vai dun lado para o outro
poque non hai directiva.

Fomos de excursión
ó nacemento do Miño,
e chegamos borrachiños
de tantas voltas que dimos
para atopar o camiño.

O día da exposición
estaban xogando no centro
e saíu unha voz de mando
"Vaíse pechar o centro"
e o que non esté contento
que vaia dar un paseo polo cementerio.

Sairon cun cabreo
que hasta o presidente
colleu medo.
Ímoslle poñer un gardaespaldas
por se lles dá outro ataque de nervios
que son capaces de comelo.

A exposición dos traballos dos vellos
eche unha maravilla,
non saberemos leer,
pero temos mans de artistas
porque os traballos
sonche de artesanía.

Señor alcalde, fáganos unha casa grande
cunha sala para xogar,
outra para traballos manuais
e outra para escolares,
a ver se así estamos todos contentos.

Fomos ver o "barrio judío"
e os "jodidos" fomos nós,
entre o camiño e o sol
porque o barrio nin o vimos.

Só tíñamos unha guía
para duascentas persoas,
a que ía diante, oía
e as de detras se fodían.

Fíxose unha churrascada
alí cerca da Norgasa,
escaseou o café
e o churrasco tiña grasa.
Agora como hai que pagar
temos dereito a reclamar.

A despedida do ano
foiche unha festa tremenda
pois o que non tiña vaso
bebía pola botella.

Isto que aquí poño
son cousas que pasaron
durante o ano
e así hasta o seguinte ano.